O Blog de Lucía Ferro
Humanidade: seres durmidos, inconscientes e desorientados.

Nos últimos meses notei unha certa tendencia a falar sobre a conciencia humana e a existencia ou non dunha vida máis alá. As experiencias achegadas á morte convertéronse nun tópico frecuente de discusión e os expertos en neurociencia non poden evitar sentir curiosidade , eles tamén as estudan. Semella, que despois de tanto tempo dicindo que a característica máis definitoria do ser humano é a súa consciencia da propia existencia, atopámonos aquí cuestionándonos a nosa realidade e considerando unha posible simulación, divina ou tecnolóxica.

Hai algo máis alá da morte?

Non me vexo coa capacidade de responder a pregunta. Tampouco é que me preocupe gran cousa. Calquera das dúas respostas pareceríanme ben. Se esta vida o é todo, penso que me chega. Non me gustaría unha eternidade de nada. A finitude é o que lle aporta tanto valor xa que sen a tensión experimentada ante a idea de perdelo non agradeceríamos tanto a súas sinxelezas.

A idea dunha vida despois da morte tamén me gusta. Se existe ese lugar cheo de amor do que tantos falan será un novo comezo fermoso. Non escoitei a ninguén mencionar o inferno máis que para dicir que xa o viviron polo que esa vía non me atormenta. E a dicir verdade, só os cristiáns falan del, poucas outras crenzas infunden tanto medo para os espiritualistas máis curiosos.

Así que tanto se existe un máis alá como se non, a vida na terra non cambia. Hai que intentar ser boa persoa porque lle dá gusto a un mesmo e ser mala e egoísta non trae máis que sufrimento. No que se refire ao tempo vivido, se moito ou pouco, eu xa pasei a Amy Winehouse e a Kurt Cobain e a puntiño estou de superar a Xesucristo, polo que me parece que xa tiven sorte.

Existe aquilo que non se pode percibir?

Neste caso non teño dúbida. Existe o que non podemos percibir, o que os nosos sentidos non senten e o que os nosos aparellos de medición non miden. Existía antes e existe agora. E probablemente pasará moito tempo existindo sen que nós o percibamos.

A importancia de recoñecer este feito recae no espazo que lle deixamos á incerteza, á equivocación, á aprendizaxe… Ser capaces de vivir sostendo entre os nosos dedos a dúbida do noso coñecemento é o que nos permite avanzar cara unha verdade que se resiste a ser revelada. Saber que nunca a tocaremos e que dende logo non a estamos a rozar, permítenos crear un espazo abondo grande como para imaxinar posibilidades. E iso é indispensable, especialmente nun momento no que adoecemos por alternativas. Acumulamos un coñecemento colectivo que nos trouxo ata aquí, podemos discutir se é un bo ou malo lugar máis, penso, o que a maioría temos claro é que non podemos continuar empregando as mesmas fórmulas de organización. Precisamos esas alternativas, ese espazo para dubidar onde tomar decisións que melloren o noso entorno, a pesar de que non consigamos percibir aínda que é o que o enferma.

Está o paciente desperto, consciente e orientado?

“Temo que non, doutora. Algo lle pasa.”

No ámbito da saúde repítense estes tres adxectivos a diario co fin de cualificar a resposta neurolóxica dos pacientes. Con elo compróbase non só que teñan os ollos abertos, senón que tamén saiban quen son. A maiores pregúntaselles o día e lugar no que se atopan e se están no certo considérase que o paciente está desperto, consciente e orientado.

Para os que temos o síndrome do salvador e nos entretemos reflexionando, a humanidade é o noso paciente. Buscamos un análise que nos permita avaliar o seu estado e atopámonos con que “algo lle pasa”.

A humanidade como suxeito de análise extráese dun ambiente contaminado tras séculos de estrés continuado. Non é de estrañar que algo lle aconteza. Por suposto que é importante atender ás necesidade físicas do noso paciente colectivo, mais cunha exploración rutineira pronto nos decatamos de que o estado neurolóxico se presenta deteriorado. A humanidade móstrase somnolenta, a consciencia da súa existencia está borrosa, o seu discurso é confuso e non podería dicir que tivese unha orientación clara. Sinais dunha condición subxacente máis grave do esperado.

Os grupos sociais que expoñen un comportamento desquiciado son os órganos que revelan a enfermidade, indicadores dunha ideoloxía máis feble aos axentes infecciosos. Pola contra, os grupos que se organizan para alertar desta enfermidade e reforzar así a inmunidade do colectivo móstranse como os anticorpos da humanidade. Mais tal como nos ocorreu coa recente pandemia, o que semellaba un catarro pasaxeiro fácil de resolver con caldo de polo e unha mantiña convertiuse nun virus que non dubida en atacar o mundo enteiro, e para vencelo precisamos menciñas e sobre todo, vacinas.

Cirurxías, menciñas e aínda máis vacinas

Continuando coa analoxía médica podemos propoñer un tratamento para este problema tan urxente. Ante calquera infección o mellor é adoptar a hixiene de mans como un hábito. Con esta expresión podemos pensar que desentenderse do asunto é o máis recomendable. Desconectarse do mundo pode ser unha forma de esquecer as atrocidades cometidas por algúns virus nas zonas do planeta máis debilitadas. Porén iso non transforma a realidade, como moito crea fantasías, e aquí estamos a falar diso, de cambiala. Con esta expresión estou a referirme ao hábito, á costume adquirida de forma voluntaria co fin de solucionar un mal que nos afecta.

No caso da somnolencia, da inconsciencia e da desorientación os tratamentos son limitados. As lobotomías son procedementos cirúrxicos empregados para problemas moi particulares, polo que non solucionarán esta epidemia. Os psicofármacos, se ben ocasións puntuais poden axudar a recuperar a calma, na maioría dos casos non fan máis que empeorar o malestar da humanidade ao sosegar o corpo pero non a mente. As vacinas da mente aínda non se descubriron pois semella non comprendemos os mecanismos desta enfermidade o suficiente.

Do mesmo xeito que nese mundo pre-vacinas, a única opción que fica ao noso alcance é a hixiene mental. Se cadra é un procedemento pouco atractivo e que de pronto non semella xustificar o tempo que nos quita. A hixiene mental esixe unha dedicación diaria e, sobre todo ao comezo, colócanos nunha posición un tanto desagradable posto que require enfrontarse ao silencio.

O autocoidado da humanidade

O único tratamento ancestral e moderno que consegue aliviar o sufrimento da humanidade adminístrase en ausencia de ruído e prescríbese en forma de meditación, de contemplación, de rezo, de respiración, de mantras… Ás veces a ausencia de ruído pódese aplicar coa arte como coadxuvante porén é importante que a creación artística nunca sexa do tipo produtivo.

Resulta difícil facelo. O silencio é incómodo e non sempre está dispoñible. Hai persoas que non se poden dar ese luxo porque a fame lles berra nos oídos. Por iso é tan importante que aqueles aos que o universo lles ofrece a posibilidade fagan uso dela e se permitan despertar, facerse conscientes e orientarse neste mundo adoecido.

Só unha vez iniciada nesta terapia do silencio poderá a humanidade comezar a ter conversas profundas e enriquecedoras. Chegadas a ese momento as persoas poderemos comunicarnos sendo coñecedoras das nosas reaccións tóxicas evitando infectar ás demais. Será daquela o momento de crear relacións humanas significativas que nos permitan construir unha rede de coidados retroalimentada, duradeira e sá. En definitiva, espertar ao noso paciente e atopalo consciente e orientado.

#coidados #comunicación #consciencia #filosofia #humanidade #meditación #pandemia